sábado, 16 de janeiro de 2010

Somos todos galegos no día 21?


Somos todos galegos no día día 21? Eis o título dun artigo de Costa Guimarães no xornal portugués Correio do Minho promovendo a solidariedade dos portugueses con Galiza perante a ruda ameaza do borrador de Feijoo contra a nosa lingua. Recomendo a súa lectura en:

http://www.correiodominho.com/cronicas.php?id=1195#

Os habitantes de Galiza deberiamos facernos esa mesma pregunta. Máis de catro, en alto ou en voz baixa, habían responder que eles non. Máis de catro! Estaban aí agochados, ou adormecidos. Coma o tigre, á espera do paso da prea. Agora que o goberno de Feijoo levantou a veda, velaí como espertou, e corre e brúa. Cómpre ou fuxirmos ou defendérmonos. Aconteza o que for o día 21 -foi pouco o tempo de preparación, moitos aínda non entendemos o porqué da pancada recibida, etc.-, a loita continuará. As lides hai que as preparar ben preparadas. Subordinadas a unha grande estratexia e a unhas tácticas axeitadas. Por ventura, aínda hai tempo. E, se nós nos imos, outros virán continuar no empeño. Ante todo, isto é o que temos que asegurar: o recrutamento da nova militancia a prol do de nós.

Entrementres, ficamos obrigados a cantos nos apoien desde fóra. Eses apoios debemos procuralos. Facer que a nosa razón se espalle e escoite canto máis se poida nos foros internacionais. Non se pode aturar tanto abuso!

Sem comentários:

Enviar um comentário