MANIFESTO “BLOGUES POLA LINGUA”
As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que nos adherimos voluntaria e libremente á Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego – Blogues pola Lingua e publicamente manifestamos:
- O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo, así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade. A lingua é un vehículo de cultura, pero tamén de identidade, e é unha ferramenta óptima para a comunicación. Por ela somos como somos e sen ela non seriamos senón outra cousa da que somos.
- Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos por que o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
- Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e adherímonos igualmente a toda iniciativa en defensa do noso idioma, independentemente de quen a promova.
- Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
- Somos conscientes do poder da información na Internet e do papel que os blogues teñen nela. Pero esta repercusión non será efectiva se non acha o seu eco no mundo non-virtual, na sociedade do real. Polo que o noso obxectivo é tamén o de incidir de xeito máis ou menos directo no conxunto do pobo galego, promovendo a súa implicación no proceso de defensa da lingua galega, para o que manifestamos a nosa disposición a colaborar coas entidades/plataformas/
iniciativas en favor do idioma existentes ou as que xurdiren. - Blogues pola Lingua, como iniciativa plural e aberta, desenvolverá a súa actividade en base aos principios de independencia, participación e democracia. Para a integración na Rede esíxese como único compromiso e condición a adhesión coherente ao presente manifesto.
Sem comentários:
Enviar um comentário