A palabra normalización constitúe o primeiro e principal tabú do goberniño. Se lerdes o anteproxecto do seu desventurado decreto de plurilingüismo, comprobaredes que foxen dela coma o demo da cruz. Non se entende ben por que. De grao ou por forza, o tal decreto téñeno que referir, como á súa fonte, á Lei de Normalización Lingüística. Sendo así, o decreto debería tender, como un medio ao seu fin, á consecución do único grande obxectivo da devandita lei, isto é, á normalización social da lingua galega. E isto significa, segundo o teor da lei, converter a lingua propia deste país no que debía ser e non é: coñecida, querida e empregada para todos os usos e en todos os ámbitos.
Mais, neste goberniño, a súa pecha e roma ideoloxía pasa por riba de todo. Eles seguen os que, xa desde hai anos, veñen criticando o uso e o concepto de "normalización lingüística", pois seica é cousa dos lingüistas cataláns, que tanto lles cheira a catalanismo, un nacionalismo para eles vitando. Aínda que a este noso goberniño se lle podería recoñecer o dereito a soster unha ideoloxía oposta a esoutra suposta que eles denigran, en nome do principio de legalidade hai que lles negar o dereito a renartemente socavaren unha lei vixente, pois ao tal faceren traballan xustamente en contra da consecución do obxecto da mesma e impiden o seu cumprimento.
Os outros seus tabús, verbo da mesma materia, estes son: inmersión lingüística e mais discriminación positiva.
Para eles a inmersión lingüística é rexeitábel. Referida ao galego, claro está. Referida ao castelán, pola contra, ou a unha lingua estranxeira, resúltalles un método pedagóxico eficaz e xeitosísimo. Mais para o galego...! Como se pode explicar tamaña incoherencia? Non a hai! Na súa lóxica, claro está. Unha cousa é mergullarse na gloria e outra moi distinta mergullarse na merda. E xa se sabe onde calquera preferiría mergullarse se lle deren a escoller entre esas dúas. Para eles o galego é noxento, unha lingua esmorecente, moribunda; e non porque alguén lle fixese dano e causase a enfermidade, senón porque na loita pola vida lle cadrou ser a máis débil, o peixe pequeno comesto polo grande, o pobre camarón engulipado pola lura caganegro.
Discriminación positiva deste becho, para que? Pobre desgrazadiño, malpocado...! Para que? Para alongarlle unha vida miserenta e digna de mágoa? Non, claro! O natural é deixalo morrer. Agora ben, non por iso lles hai que amargar moito a vida aos pobres falantes que non tiveron a sorte de aprenderen a desenvolverse con toda facilidade en castelán. Xa eles fixeron abondo con traspasaren os seus fillos, e estes coa súa colaboración os seus, á banda dos castelanfalantes renegantes da lingua dos avós! É cousa de os deixar morrer canda a súa lingua materna e entrementres ir falándolles, ademais do castelán e como piedosa concesión, un galego "cordial", empobrecido en si e enriquecedor para a nova lingua "propia" de Galicia, o castelán arrecastado nestas terras, que é xa para moitos "tan gallego como el gallego".
Alguén pensará que eses tabús non teñen lóxica. Claro que a teñen! A da ideoloxía dominante. E sobre todo a deste goberniño, que reforza esa mesma ideoloxía, alleo á racionalidade e á verdadeira condescendencia coa xente do pobo. Non é estraño. Son herdeiros e representantes dos que desde hai séculos se impuxeron nos núcleos urbanos de Galicia dispostos a levar sempre, con razón ou sen ela, a auga ao seu rego. Agora é cando se aproximan á vitoria total e definitiva. É o máis triste do conto. Ese final previsíbel.
Sem comentários:
Enviar um comentário