sexta-feira, 8 de outubro de 2010

Fidelidade á lingua propia

Dunha carta de Xaquín Campo Freire presentando a súa tradución duns artigos de Pagola á lingua galega extraio os parágrafos centrais:

[...] Teño decidido que pola miña parte non quero morrer
sen cumprir o voto de fidelidade á miña lingua e cultura.
Agora máis do que nunca.
Que ninguén me poida acusar nunca de ser morno nesta obriga.
Por min non vai morrer a lingua.
Téñoo decidido.
Se todos fan algo parecido,
Feijoo será coma un ferregacho que abouba e abouxa,
Por máis que teña matadores, matachíns,
masacradores e sacrificadores abondo
na actual Xunta e nos grupos renegantes.
Por min, na miña área de comunicación,
o galego está declarado lingua oficial e preferente,
en convivencia pacífica con todas as outras linguas,
ás que quero e estimo porque hai persoas que se expresan nelas
e sofren, choran e aman, coma min, na miña.
Pero, ademais, toda lingua é unha verdadeira obra de arte.
Na república que eu presido,
que é a miña área de convivencia e relacionamento,
e na que eu acollo agarimosamente
a todo ser humano e a toda a natureza,
o galego é a lingua de entrada.
"Fai xestos. Os xestos son importantes",
din os ecoloxistas.
Non asoballarei a ninguén.
E se sei a lingua do outro/a, acollereinos con afectividade tamén na súa.
E, se non a coñezo, tentarei ir facendo axiña aproximacións.
Agora ben,
no meu ser, na Galiza, e na miña República,
o galego é lingua oficial e preferente.
E nela nacín, medrei, fun polo mundo e nela quero vivir e morrer.
E ten de estar sempre presente coas honras que merece.
Por iso, sendo consecuente,
e aínda que me esixa traballo,
no que eu produza ou no que eu difunda,
fareino sempre en galego.
Non lle roubo a propiedade intelectual a ninguén,
citarei sempre con fachenda o seu autor.
E fareille ademais o favor de que o poidan ler noutra lingua máis do mundo,
en galego,
idioma tan culto coma outro calquera,
e para que poida presumir así de que xa está traducido e divulgado.
No caso deste autor, Pagola, xa o estou facendo oficialmente,
tamén para as súas homilías,
publicadas cada semana en Eclesalia.
Iso si.
Coidarei moito e sempre toda tradución para ser fiel ao pensamento
e á lingua orixinal de onde vén
e ao xenio non menos artístico
do galego no que é acollido.
Isto esixe estudo e traballo.
Pero pódovos asegurar que se aprende moito.
Pode ser unha manía máis!
Como diría Aznar e a canción:
En Texas somos así!
Nada máis. [...]

Xaquín

Sem comentários:

Enviar um comentário