quarta-feira, 1 de abril de 2009

Máis razóns perante a senrazón

Sen lingua galega non hai Galicia. Así pensaban homes e mulleres no pasado, coma Ramón Piñeiro, un supoñer. Así pensan aínda moitos galegos hoxe. É discutíbel. Depende.

Depende de que Galicia falemos, de que Galicia queiramos... Os valores e criterios polos que nos conducimos, son os que deciden. Os nosos deberían ser estes e outros semellábeis: de cada un segundo a súa capacidade e a cada un segundo a súa necesidade, a ignorancia debe corrixirse máis ca respectarse, con moita frecuencia a liberdade do poderoso é inversamente proporcional á do débil e viceversa e en caso de conflito debe preferirse a segunda á primeira, o enfermo ten preferencia sobre o san, cómpre case sempre a discriminación positiva dos marxinados e das situacións minoradas, o saber non ocupa lugar e as competencias plurilingües só enriquecen..., e, sobre todo, os fillos de galegofalantes que non renegamos da nosa lingua, temos dereito a vivir en galego nesta terra o resto da nosa vida aínda que sexamos cada vez menos numerosos.

Ninguén ten dereito a nos nivelar á baixa coa grande masa social, na que a lingua galega está a ser substituída, con forza crecente e tempo rápido, pola lingua castelá, e isto tanto no referente aos seus usos públicos coma á integridade do sistema e normas tradicionais do galego, cada vez menos idénticos a si mesmos, máis conformados aos da lingua castelá.

Este dereito noso e a falta do dereito oposto en calquera que for, incluídos os políticos, esixe a inversión da carreira de substitución lingüística que uns padecemos e outros disfrutan, eses maiormente que afirman, falsa e enganosamente, que se lles impón o galego. Eles, que levan impoñéndonos o castelán desde hai máis de cinco séculos, agora que ven próximo o momento da vitoria total e irreversíbel, resístense ante a pura e simple aparencia doutra deriva.

Temos nós o dereito e o deber de resistir ante a súa senrazón. Máis razóns en:

http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/NEG_Opina_09_01_web.pdf

Sem comentários:

Enviar um comentário