quinta-feira, 16 de abril de 2009

Neste exilio interior...

Neste exilio interior vivimos desde hai tempo
un a un moitos de nós,
moitos de nós en grupos, en familias...
Non somos ninguén, non se conta connosco,
non se preza a lingua de noso, estigmatízana.
Entre os que coidabamos compañeiros,
hai non poucos que nos deixan sós:
na tristén do noso exilio,
vémolos írense cos que antes ca eles nos abandonaron
e cos que nunca á nosa beira se achegaron.

Non somos libres para usarmos sempre
a lingua dos nosos trasavós.
Xa algúns destes non o eran; polo que
uns pasaban do galego ao castelán
de vez ou por momentos, outros só de cando en vez,
nun castrapeo que magoaba os corazóns,
perante o grande, o rico, o forasteiro ou,
nos últimos tempos, perante mesmo
o neto máis pequeno, a filla do veciño...,
aprendidos a falar en castelán desde meniños
por nais e pais, avós e avoas que non saben.

Onte á tarde tiven que ir mercar nunha ferretaría certo artigo. Pedino en galego. O dependente fixo en lingua castelá a súa parte da interlocución. Entón eu paseime ao castelán. O contrario ocorre moito menos.

Como eu -a pesar da conciencia e militancia galeguista- fixen onte, fai a cotío case todo o mundo. A maioría comeza xa en castelán, aínda que sexan galego falantes habituais. Os que, en situacións semellantes, máis fieis permanecen á nosa lingua, son os monolingües, ás veces pais e avós de xente nova coa que, por outra banda, falan xa de cote ou adoito en castelán.

E logo, quen impón que lingua a quen?

Fan de nós estranxeiros no noso país,
forasteiros na nosa vila,
persoas alleas na propia casa.

Somos nós os que sufrimos a marxinación
e a imposición doutra lingua.
E por riba aínda din que nós lles impomos a eles o galego.
Oh sarcasmo!
E moitos dos que coidabamos compañeiros crenlles:
ata repiten e espallan tan mentireira especie.
Non hai imposición tan terne e eficaz
coma a que opera a través das evidencias sociais,
fieis reflexos da ideoloxía dominante.
Desde esa ideoloxía ousan chamarlle imposición
á proposta respectuosa doutra conciencia,
doutra formación e doutros usos.

Porén, deste tema sabe moito máis Agustín Fernández Paz.
Sabe tamén razoalo e expoñelo con xustiza.
Lede:

http://www.xornal.com/opinions/2009/03/21/Opinion/loanza-rosa-parks/2009032101505855406.html

Sem comentários:

Enviar um comentário