sexta-feira, 6 de março de 2009

Cousas de meniños

Hai entre corenta e trinta anos que se estendeu na sociedade a idea da importancia da educación regrada nos primeiros anos da vida. Menos tempo transcorreu desde que da idea se pasou á práctica, e isto a paso de boi. En vez de só escolarizar os rapaces aos seis anos, na educación primaria, comezouse a crear nos centros unidades de educación preescolar, onde foron admitidos primeiro os de cinco anos, logo os de catro... Hai vinte anos non era fácil matricular nun centro público un fillo de catro anos. A (pre)escolarización dos de tres é recentísima, de quince anos para acá. Naqueles tempos e situación, tivo lugar a fundación de Preescolar na Casa, obra de don Antonio Gandoi e Cáritas de Lugo, co obxecto de compensar un baleiro educativo que se entendía grave para o desenvolvemento dos pequenos que o padecían.

Os menores de tres anos aínda non se consideraban suxeitos da aprendizaxe escolar. Algúns deles, maiormente os fillos de familias nucleares de traballadores, eran acollidos nas garderías. Así se lles chamou ata hai moi pouco. Ata que, desde a pedagoxía asumida pola administración educativa, se impuxo a idea de que as primeirísimas idades son transcendentais desde o punto de vista educativo, de que cómpre a estimulación precoz de todas as destrezas, de que a educación comeza coa aprendizaxe e esta co nacemento ou xa antes... E daquela comezouse a falar de educación infantil, entendendo por tal a que se realiza desde os 0 aos 6 anos. Como consecuencia, a administración educativa cambiou as denominacións oficiais dos centros destinados a estas idades. O que antes se distinguía -garderías e educación preescolar- xuntouse baixo a denominación de educación infantil e esta dividiuse en dous ciclos: primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos) e segundo ciclo de educación infantil (3-6 anos). Os centros respectivos recibiron o nome de escolas de educación infantil, non escolas infantís.

As escolas de educación infantíl onde se educan nenos menores de 3 anos son as continuadoras das que non hai nin dez anos se chamaban garderías, polo que non dependen aínda da administración educativa, senón da de servizos sociais ou de igualdade. O goberno da Xunta de Galicia saído das eleccións de 2005 coidou que nelas se debía compensar as carencias coas que os pequenos accedían a elas, como as tocantes ao contacto coa lingua galega e a outros elementos da nosa cultura diferencial. Foi unha broma aquilo de que se lles ensinaba e facía cantar o Himno Galego. O imposíbel é imposíbel e ademais non se pode facer. A esas idades case non falan. Ou simplemente non falan. E o que é cantar... Porén, mira que non se dixeron parvadas por acá e por alá, ata por parte de membros do consello da Xunta. Non sabían do que falaban... Ou facían o que, segundo Kant , os escolásticos: uns a munxir o macho e outros a termar do tarro.

Porén isto vaino arranxar de vez o señor Núñez Feijoo. Non é do outro día, escoiteino esta mañá pola radio. Falando de voltar atrás todo o que implica a denominación galescolas, dixo: "Os nenos vamos (sic!) ás escolas infantís..., desde hai tempo!". Pois non pode haber tanto! Porén de algo novo e bo nos informou: seica el mesmo pode estar matriculado nunha desas escolas e ten mentes de nela continuar recibindo educación. Boa aprendizaxe! E que se leve ben cos amiguiños.

Sem comentários:

Enviar um comentário