quarta-feira, 18 de março de 2009

E logo a Cidade da Cultura?

Antes do 2005 tense criticado desde varios lugares e con diferentes criterios o proxecto da Cidade da Cultura. Aínda así, nunca esa crítica se producira con tanta teima, sistematicidade e xenreira como se fixo despois de 2005 ou, mellor dito, despois de que o goberno da Xunta presidido por Touriño decidiu seguir adiante co proxecto, aínda que un pouco modificado.

Nestas críticas non se tomou en consideración que ao consello da Xunta lle fora imposíbel botar abaixo o proxecto por un mínimo sentido de responsabilidade, unha vez que a maioría dos investimentos estaban comprometidos mediante contratos asinados en firme polo anterior goberno, a maior parte deles cando xa o partido político promotor perdera a maioría absoluta nas eleccións e formaba un goberno en funcións.

Tales críticas baseáronse maiormente no despilfarro de fondos públicos que o megaproxecto supón e nos baleiros e necesidades que cos recursos alí enterrados se podían encher: escolas, estradas, hospitais..., o demo e a bilbia en verso. Os máis teimudos autores e actores destas críticas foron unha asociación de funcionarios e mais o periódico de maior tiraxe de Galicia. E agora que? Agora calarán?

Agora, se callar, pronunciaranse en voz baixiña algunha vez para que non se diga... ou nin iso. Unha vez que coa crítica acadaron quizais os obxectivos que buscaban, seguramente outros ca o de parar o proxecto, agora se cadra desisten. Pois non será, supoño, por arestora teren menos capacidade de influír no próximo goberno do que a tiñan outrora sobre o de Touriño e Quintana.

O despilfarro, polo que se ve, é criticábel segundo en quen e en que.

Como acontece no referente á relación entre a política e a empresa... Segundo entre que políticos e empresarios, a amizade pode ser algo lóxico e natural ou unha desorde totalmente reprobábel. En certos sectores do tecido social, a propia coincidencia de militancia política e profesionalidade empresarial nunha mesma persoa é algo moi prezado e merecente de gabanza.

Sonche os herdeiros dos que, segundo cobrasen foros e rendas ou vendesen os froitos delas, usaban dous ferrados: un grande para cobrar e un pequeno para vender.

Sem comentários:

Enviar um comentário